Formas de comprar en  Camiño do Faro
No Identificado
TOTAL: 0,00 €
Editorial Camiño do Faro

Detalles

INICIO / PRENSA / DETALLES
volver
foto
A Fundación Caixa Galicia culmina tres anos de investigacións sobre as industrias culturais de Galicia

17 investigadores compendian un primeiro mapa xeral de todos os sectores culturais galegos. En decembro de 2009 había 3.383 empresas culturais en Galicia, un 3,8% máis que en 2008. A cultura é un activo estratéxico de primeiro nivel no desenvolvemento.


Albino Mallo


Caixa Galicia vén de rematar a primeira investigación socioeconómica completa sobre as industrias culturais galegas, un traballo de tres anos de recompilación e análise de datos por parte dun equipo de 17 investigadores. O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, o director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, canda ao director do Centro de Investigación Económica e Financeira CIEF Fundación Caixa Galicia, o profesor Alberto Meixide, e o escritor e editor Víctor Fernández Freixanes, coordinadores do traballo, presentarán esta tarde, ás 20.00 horas, en Santiago ‘O capital da cultura. Unha achega ás industrias culturais de Galicia’, un estudo referencial que vén ser “o primeiro mapa integrador das industrias da cultura que na actualidade se están a desenvolver en Galicia”, segundo os responsables desta moi extensa e aínda máis minuciosa obra “que ten moito de exercicio pioneiro, de primeira aproximación”.
Un equipo multidisciplinar de investigadores, coordinados polo CIEF Fundación Caixa Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, foi o responsable de analizar en profundidade “a riqueza obxectiva que o feito cultural, e as distintas formas de creación nestes eidos, produce para o benestar e desenvolvemento da nosa sociedade”, sinala José Luis Méndez no limiar desta publicación de case mil páxinas.
O volume, no que interviñeron 17 dos máis reputados investigadores galegos, sae á luz nun momento decisivo para o futuro da cultura galega. “En certa maneira, este traballo vén poñer o ramo a un ciclo e, asemade, inaugura un período novo, coincidindo coa inflexión á que nos obrigan as circunstancias do contexto socioeconómico occidental”, en palabras de Méndez.
O inmenso traballo de análise identifica “tres grandes desafíos: a crise económica, os cambios tecnolóxicos e a necesaria procura de mercados exteriores, de novos espazos de crecemento”, segundo explica Freixanes. O coordinador da investigación subliña que “non se trata tanto de analizar os últimos datos como de deseñar cada un dos sectores no seu conxunto, nun momento especialmente significativo”.
O estudo do CIEF Caixa Galicia escruta o tránsito dende as formas tradicionais (de organización, de composición empresarial, “tan próximas ás veces aínda ao minifundio”), ás formas de organización e produción que necesariamente impoñen os novos tempos. “A dotación de recursos para o seu desenvolvemento, que debe ter carácter estratéxico, así como a necesaria formación de capital humano para afrontar estes desafíos, debería considerarse acción prioritaria por parte das políticas culturais deseñadas dende os poderes públicos” sinala o traballo.
O informe está dividido en 13 capítulos; dez epígrafes son sectoriais (editorial, artes escénicas, música, artes plásticas, audiovisual, medios impresos, televisión, radio, publicidade e novas tecnoloxías) e outros tres, estruturais: ‘As industrias culturais na construción dun discurso social integrado’, por Víctor Fernández Freixanes; ‘Políticas culturais e desenvolvemento socioeconómico’, do finado Xan Bouzada Fernández, quen estivo moi presente tanto na edición desta publicación coma no acto de presentación da obra; e ‘A economía da cultura en Galicia’, traballo de Håkan Casares Berg, Alberto Meixide e Fernando del Río Iglesias.
Na análise económica das industrias culturais galegas ofrécense os últimos datos do sector. Os afiliados á Seguridade Social en empresas culturais caeron arredor dun 8,5% entre xaneiro de 2009 e marzo de 2010, un retroceso máis alto que no conxunto da economía galega, o que reflicte a maior sensibilidade do sector aos períodos de recesión, especialmente en materia de emprego.
Así e todo, o empuxe dos emprendedores culturais galegos permitiu que en 2009 seguiran nacendo novas empresas, ata acadar as 3.383 compañías rexistradas, un 8,5% máis que en 2008.
‘O capital da cultura’ quere, dunha banda, establecer algunhas “medidas básicas, parámetros mensurables para comprender a economía da cultura en Galicia e as súas industrias da creación, produción e comercialización instaladas no século XXI”, confrontadas aos desafíos que tal circunstancia implica; e, por outra banda, “ver de poñer as bases para a necesaria reflexión do futuro, pois a cultura é, por definición, un elemento dinámico, en constante estado de transformación e cambio, o que fai aínda máis útil a reflexión, e máis estimulante”, sinala a publicación.

Os autores

David Barro López (Ferrol, 1974). Editor de Dardo e codirector da revista de arte contemporánea Dardo magazine, comisario de exposicións, crítico e asesor de arte e membro do consello editorial de Grial (Editorial Galaxia). Foi director artístico da feira de arte de Vigo Espacio Atlántico 2010, profesor de Arte e Cultura Visual na Escola das Artes da Universidade do Porto (2000-2006), crítico da revista Lápiz, director e fundador da revista [W]art (2003- 2005), director da revista Arte y parte (1998-1999), director e fundador da revista cultural InteresArte e ex-director artístico e membro fundador de A Chocolataría (Santiago de Compostela).
Xan Bouzada Fernández (Lugo, 1951 - Vigo, 2008). Licenciado en Socioloxía pola Universidade de Toulouse-Le Mirail e doutor pola Universidad Complutense de Madrid, a súa especialización foron as políticas culturais, sobre as que publicou numerosos traballos, dentro e fóra de Galicia. Asemade, estudou fenómenos demográficos e sociais como a emigración e a sociolingüística. Foi director do Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega e da revista Cooperativismo e Economía Social. En 1991 elaborou o primeiro Mapa Cultural de Galicia: asociación sociocultural dos concellos galegos.
Eloi Caldeiro Díaz (Sarria, Lugo, 1955) é músico e empresario. Produtor audiovisual, en 1980 fundou con outros músicos o grupo Brath. Radiofonista (Premio da Crítica ao mellor programa musical no ano 1985), participou e participa en diversas plataformas a prol da configuración de modelos propios de produción e comercialización da música galega. En 1988 fundou a produtora discográfica Sons Galiza.
Francisco Campos Freire (Ribeiras do Lea, Castro de Rei, Lugo, 1953) Xornalista. Profesor titular de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, e experto europeo/auditor en xestión de calidade. Entre o ano 1994 e 2005 dirixiu a Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG). Os seus estudos céntranse no subsector da televisión e a produción audiovisual, fundamentalmente, así como no desenvolvemento da nova
cultura de redes, economía dos medios e políticas de comunicación aplicadas ao sistema audiovisual.
Håkan Casares Berg (Halmstad, Suecia, 1974). Doutor en Filoloxía pola Universidade de Vigo, é coordinador do Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega, membro do consello de redacción da revista de Estudios de Sociolingüística e do consello de administración de Editorial Galaxia. Ten publicados traballos no eido da sociolingüística, da estatística cultural e da economía da cultura.
Miguel Anxo Fernández Fernández (O Carballiño, Ourense, 1955). Escritor e investigador cinematográfico, é profesor na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo e director da revista Audiovisual galego. Crítico cinematográfico e animador de numerosas iniciativas a prol do desenvolvemento do cine galego, a súa liña de investigación céntrase na historia do cine e nos seus procesos de organización, produción, difusión e comercialización.
Manuel Fernández Vieites (Oleiros, A Coruña, 1956). Licenciado en Filoloxía Xermánica e doutor en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela, é tradutor, crítico e estudoso do teatro galego, no que animou moi diversas iniciativas. Actor e director teatral, é membro da Asociación de Directores de Escena de España e da comisión académica do Máster en Artes Escénicas da Universidade de Vigo. Dende xullo de 2005 é director da Escola Superior de Arte Dramática de Vigo (ESAD).
Xosé López García (Cirio, Pol, Lugo, 1956). Xornalista. Catedrático de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela, é membro do plenario do Consello da Cultura Galega. Coordinador e editor dos estudos anuais do Observatorio da Cultura e de Medios desta institución (Informe da Comunicación en Galicia). Autor de numerosas publicacións sobre prensa local e economía dos medios impresos, é coordinador do grupo de investigación Novos Medios, da Universidade de Santiago de Compostela, e director do Observatorio de Ciberxornalismo de Galicia.
Víctor Fernández Freixanes (Pontevedra, 1951). Escritor e editor. Doutor en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela, é profesor titular da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, membro da Real Academia Galega e do plenario do Consello da Cultura Galega. Membro do padroado executivo da Fundación Germán Sánchez Ruipérez. Director xeral de Editorial Galaxia e Merlín Comunicación e codirector da revista Grial, xunto con Henrique Monteagudo.
Alberto Meixide Vecino (Vigo, 1950). Catedrático de Fundamentos da Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela e Director do Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF) da Fundación Caixa Galicia, é membro do consello editorial da revista Grial.

 

 

Editorial Camiño do Faro S.L.
Cif: B-15731250 - Tel: 981 230244 - Fax: 981 908103 - Dirección: Avenida de Arteixo 25-1, 1º - C.P.:15005 A Coruña.