Formas de comprar en  Camiño do Faro
No Identificado
TOTAL: 217,00 €
Editorial Camiño do Faro

Detalles

INICIO / PRENSA / DETALLES
volver
foto
“Infante” de Xoan Arias Soler, gañou o premio gráfico “A Imaxe de Galicia” convocado porlo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Fundación Caixa Galicia


Albino Mallo


O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e a Fundación Caixa Galicia convocaron en 2009 a primeira edición do premio “A Imaxe de Galicia”, que ten como obxectivo recoñecer o traballo das e dos fotoxornalistas gráficos e a súa importancia como profesionais da información. O certame escolle, a criterio do seu xurado, a mellor imaxe sobre actualidade galega publicada nos medios de comunicación ó longo de 2009.
Na sede do Centro On de Caixa Galicia en Santiago de Compostela reuniuse o xurado do premio, composto polos fotógrafos Javier Bauluz, Emilo Morenatti e Miguel Riopa; pola directora da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto; e polo decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), Xosé Manuel Pereiro. Actuou como secretario o membro da Xunta de Goberno do CPXG, Darío Janeiro. Emilio Morenatti enviou as súas deliberacións dende Estados Unidos, xa que non puido estar presente na reunión presencial.
O xurado destacou, en primeiro lugar, a calidade dos traballos presentados ó certame e felicitour ós fotógrafos que se presentaron ó premio. Sendo esta a primeira edición, recibíronse un total de 114 fotografías a concurso, procedentes de 47 fotógrafos.
Nunha longa sesión, o xurado seleccionou, en primeiro termo, 50 fotografías. Estas imaxes serán as que formen parte da exposición e do catálogo impreso “A Imaxe de Galicia”, que poderá contemplarse ó longo deste ano en distintas sedes da Fundación Caixa Galicia.
A continuación, o xurado debatiu sobre a fotografía gañadora do certame, dotado cun premio único de nove mil euros. Logo do proceso de deliberación, acordou conceder o I Premio A Imaxe de Galicia á fotografía titulada “Infante” de Xoán Arias Soler, que mostra a saída de soldados da Brilat para o Líbano dende o aeródromo militar de Lavacolla, en Santiago, en abril de 2009. O xurado valorou neste caso a habilidade do fotógrafo para captar o momento de conversa dos militares mentres unha nena xoga allea ó que acontece arredor saltando á comba e converténdose no centro da fotografía. Ademais das súas calidades técnicas e de oportunidade, Soler consegue contrapoñer a inocencia fronte á preocupación, o xogo fronte á intervención militar e o problema familiar da separación durante meses das familias dos galegos enviados a unha zona potencialmente perigosa no estranxeiro. A nena suspendida no aire, sinalada de cor rosa sobre o verde militar, desdramatiza un momento serio, e pon de manifesto o lado humano dun feito noticioso que se vén producindo nos últimos anos en Galicia: o envío de tropas de pacificación a zonas de conflito. A fotografía foi publicada en La Voz de Galicia.
Xoan Arias Soler é fotógrafo da delegación de La Voz de Galicia en Santiago de Compostela. Ten unha longa traxectoria como fotoxornalista no día a día da actualidade que amosa nas páxinas deste xornal, ademais de participar en distintas exposicións colectivas como Un ano de Voz, cos seus compañeiros de delegación, ou Marea Negra, sobre o desastre do petroleiro Prestige. Conta con varios premios, entre eles o Galicia de Comunicación do ano 2000.

 

 

Editorial Camiño do Faro S.L.
Cif: B-15731250 - Tel: 981 230244 - Fax: 981 908103 - Dirección: Avenida de Arteixo 25-1, 1º - C.P.:15005 A Coruña.