
Detalles
Albino Mallo
O espectáculo “Sereas” programado para o domingo 7 no teatro Rosalía Castro de A Coruña, programado polo IMCE municipal, recolle a creación feminina de sete nomes fundamentais das voces galegas da actualidade, e ao mesmo tempo é un percorrido pola presenza da muller galega na música e sobre a súa invisibilidade histórica. Hoxendía, a música galega ten nome de muller e non se podería entender sen citar estes nomes entre algúns outros que foron faro e luz para o camiño (Pilocha, Maria Manuela, etc). Estas mulleres-peixe sulcaron moitos mares para recalar na cidade de A Coruña que as ten acollido como nacidas ou adoptadas nalgún momento das súas vidas. Elas teñen o feitizo das sereas e son transmisoras da palabra cantada como as sereas ancestrais. Os seus cantos teñen acento propio e, en moitos casosx son ben explícitos á hora de retratar á muller de hoxe, os seus desexos e a loita por lograr a igualdade en todos os terrenos. Tamén queren contribuir á consolidación de modos común, e recíprocamente aprendidos, de sentir e exercer a vida, realzando coincidencias e matices.
Aportan á música toda a súa fortaleza como depositarias da palabra cantada na música tradicional á que acrecentan a súa identidade como creadoras.
Con este espectáculo pretenden amosar o inmenso potencial creativo das sucesivas xeracións de cantoras e escritoras que as precederon e que usaron a nosa lingua e expresaron sen complexos os seus sentimentos máis profundos.
“Sereas” é un punto de encontro, un xeito concreto de achegarnos e de apostar pola creación colectiva, pola comunicación e polo coñecemento entre as mulleres que transitamos pola música deste país.
- FECHA: 05/03/2010
- FUENTE: Albino Mallo
Cif: B-15731250 - Tel: 981 230244 - Fax: 981 908103 - Dirección: Avenida de Arteixo 25-1, 1º - C.P.:15005 A Coruña.


Fembiella Arts

